A biblioteca "Miguel González Garcés" acolle o programa infantil de decembro na Coruña

Programación infantil de decembro na biblioteca Miguel González Garcés
photo_camera Programación infantil de decembro na biblioteca Miguel González Garcés

A información sobre as actividades, que requiren de inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña ‘Miguel González Garcés’ centra a programación de decembro no público infantil, con diversos espectáculos familiares e para a cativada. Pola súa banda, as persoas adultas poderán realizar un novo itinerario de autor pola historia da Coruña, cun percorrido polo cemiterio de San Amaro.

Programación

Para comezar, este sábado 4 de decembro haberá o bebecontos Bechiños, con Ana Facchini, con cantos e contos de animais para bebés de ata tres anos. O día 11 terá lugar un novo contacontos, desta vez para todos os públicos e en lingua de signos, a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Na xornada do 18 chega "Trinke Trinke" con Aventuras na cociña, para a cativada de tres a oito anos e con propostas de hábitos de alimentación saudable. Todas as sesións se desenvolverán ás 12,00 horas.

Tamén dirixido a un público familiar, o venres 17, ás 19,00 horas, ofrécese o espectáculo "A maxia do Nadal", onde a habilidade e o enxeño se mesturan coa música para mergullarse nun mundo de fantasía e ilusión. A programación infantil complétase o día 22, tamén ás 19,00 horas, co obradoiro creativo de Nadal, da man de Cucarandainas e para a rapazada de seis a 12 anos. Os participantes poderán deseñar e desenvolver a súa imaxinación utilizando diferentes técnicas artísticas e materiais.

Itinerario de autor no cemiterio de San Amaro

Pola súa banda, o público adulto ten un novo itinerario de autor arredor da historia da cultura da Coruña, o 17 de decembro ás 17,00 horas. Nesta ocasión, o historiador da arte Felipe Senén guiará os participantes por O inspirador cemiterio atlántico de San Amaro, un auténtico cemiterio mariño no que afondar na arte funeraria e nos numerosos persoeiros alí enterrados, como Eduardo Pondal, Manuel Murguía ou Manuel Curros Enríquez, entre outros.

Mostras bibliográficas

Tamén, o día 1 instalarase na sala infantil "Un Nadal de libros", con propostas de lectura arredor do Nadal, e a partir do 17, estará no segundo andar, Ánxel Casal e a editorial "Nós", cunha selección de documentos da colección da biblioteca.

Cómpre lembrar tamén que o 11 de decembro remata o prazo do IV Concurso de microrrelatos de terror, dirixido a maiores de 14 anos. As persoas participantes poderán entregar un único relato cunha extensión máxima de 200 palabras, orixinais e inéditos, escritos en galego ou castelán. Seleccionaranse tres traballos que se premiarán con lotes de libros e, no caso do primeiro, coa publicación do texto nas redes sociais da biblioteca.