Nova edición de "Brincadeiras da lingua"

Nova edición da serie de vídeos de "Brincadeiras da lingua"
photo_camera Nova edición da serie de vídeos de "Brincadeiras da lingua"

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da segunda entrega de "Brincadeiras da lingua".

Trátase dunha serie de pílulas audiovisuais realizadas por Migallas Teatro ao abeiro do Fondo de proxectos culturais xacobeo. O obxectivo desta serie, composta por 15 novos vídeos que se suman aos 10 publicados na primeira edición, é fomentar o coñecemento e a práctica dos ditos e recitados infantís galegos e mais a transmisión familiar da lingua.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo agradecer “o compromiso das empresas culturais como Migallas por realizar proxectos deste tipo que axudan a fomentar o uso da lingua galega entre a cativada dun xeito divertido ao tempo que se traballa por manter viva a tradición oral galega”. Canda Valentín García tamén participaron na rolda de presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, María Campos e Carlos Yus, da compañía Migallas Teatro.

Un vídeo novo cada xoves

Na lingua galega hai infinidade de ditos, recitados e cancións que acompañan desde hai séculos as brincadeiras dos nenos e das nenas, así como as relacións entre os membros máis vellos da familia e os máis pequenos.

Nestes novos 15 capítulos, que se suman aos 10 anteriores, amósanse algúns destes ditos relacionados cos animais, co tempo cronolóxico, co tempo meteorolóxico, con accións cotiás, ditos acumulativos, ditos de burlas e ditos relacionados cos xogos entre outros. Os capítulos iranse publicando cada xoves no Portal da Lingua Galega e tamén nas redes sociais, onde tamén se poden consultar os anteriores.