Premios Nacionais de FP en Galicia

Premios FP en Galicia
photo_camera Premios FP en Galicia

Galicia vén de alzarse con 13 do total de 78 recoñecementos, que corresponden ás convocatorias dos anos 2017,2018 e 2019.

O alumnado de Formación Profesional de Galicia acapara preto do 17% dos Premios Nacionais de FP de Grao Superior do conxunto do Estado, pese a contar con só o 6% do total do alumnado.

Os galardoados foron recibidos polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que aproveitou para transmitirlles a felicitación en nome da Xunta e de Galicia. “A vosa vitoria nos Premios Nacionais de Formación Profesional é un reflexo do talento, da dedicación e do esforzo que amosades en cada un dos vosos proxectos, así como un orgullo para todos nós”, expresou. Román Rodríguez sinalou que estes galardóns significan tamén un recoñecemento ao labor que están facendo os centros e os seus equipos directivos e docentes a prol dunhas ensinanzas de Formación Profesional que hoxe en Galicia son sinónimo de calidade e de empregabilidade.

O conselleiro lembrou que a día de hoxe a Formación Profesional galega é “un referente” tanto en España como en Europa e comprometeu que o Goberno da Xunta vai seguir apostando por este modelo formativo onde destaca especialmente a FP Dual como unha das vías que xera maiores oportunidades profesionais para a mocidade. Neste senso lembrou que o seu departamento está a ultimar a nova Estratexia de Formación
Profesional de Galicia, que será a folla de ruta destas ensinanzas para avanzar na innovación, a dixitalización e a excelencia.

Na parte alta da táboa por CCAA

No que atinxe aos Premios Nacionais de FP, Galicia sitúase como a segunda CCAA, por detrás da Comunidade Valenciana, con más alumnos galardoados; e a moita distancia de Canarias (que é a terceira con nove premios) ou Castela e León e Madrid (con oito recoñecementos cada unha delas nestes anos).

Cómpre lembrar que o Goberno da Xunta tamén conta con galardóns propios para recoñecer o labor dos estudantes de Formación Profesional, cunha convocatoria anual de Premios Extraordinarios de Grao Superior. De feito, ao abeiro da convocatoria deste ano, o pasado setembro foron recoñecidos un total de 21 titulados en FP, todos eles cunha cualificación final do ciclo igual ou superior a 8,5 puntos.

Este tipo de galardóns (tanto a nivel estatal como autonómico) únense a outros escaparates que permiten visibilizar o traballo dos alumnos, do profesorado e do coxunto do persoal dos centros de FP, como son as convocatorias anuais das Olimpíadas de FP a nivel galego, estatal e mundial (Galiciaskills, Spainskills e Worldskills, respectivamente).