Segunda edición dos Premios Innovagal

egunda edición dos premios innovagal, polo compromiso coa innovación educativa
photo_camera Segunda edición dos premios innovagal, polo compromiso coa innovación educativa

Estes premios supoñen o recoñecemento e difusión de boas prácticas que serven para achegar novos referentes a toda a comunidade educativa.

A Xunta de Galicia vén de recoñecer seis centros educativos e outros seis profesores coa segunda edición dos premios Innovagal, que foron instaurados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para recoñecer o compromiso dos colexios, institutos e docentes coa innovación
educativa, a través da implantación, nas súas aulas, de iniciativas didácticas ou organizativas para dar resposta ás necesidades do seu alumnado.

Centros escolares

No caso dos centros escolares, na categoría de escolas de Educación Infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de Educación Especial (CEE), colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e colexios de Educación Primaria (CEP), o Colexio Plurilingüe de Torre-Cela (Bueu) acadou o primeiro premio, mentres que o segundo galardón foi para o Colexio Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) e o terceiro para o Colexio Valle-Inclán de Vigo.

Na categoría de centros públicos integrados e Institutos de Educación Secundaria, resultaron premiados o Instituto IES de Valadares (Vigo) co primeiro premio, o Instituto Plurilingüe A Cachada (Boiro) co segundo e o Instituto Manuel Murguía (Arteixo) co terceiro premio.

Ademais da dotación económica do premio (10.000€ para o primeiro, 6.000€ para o segundo e 3.000€ para o terceiro), nesta modalidade, os galardoados recibirán o distintivo de Centro educativo Innovagal, que se exporá nun lugar visible no centro e figurará na súa páxina web e na documentación impresa. Esta certificación ten unha vixencia de catro cursos escolares.

Modalidade docente

Na modalidade docente, outorgáronse seis dos oito premios convocados (dous quedaron desertos), cunha dotación económica de 3.000€ cada un e unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado.

Infantil e primaria

Así pois, na categoría de centros de Infantil e Primaria outorgáronse dous dos catro premios convocados. Na submodalidade 1 (Deseño curricular e organización escolar) o premio foi para Lorena Estévez Álvarez (do colexio plurilingüe Sobreira-Valadares, en Vigo), cun traball de deseño curricular e organización escolar que aposta por cambios globais na docencia, salientando novas metodoloxías (aprendizaxe cooperativa, filosofía
emocional, traballo colaborativo, realización de proxectos), así como cambios na disposición do espazo (distribuído por ambientes) e tamén na programación de aula.

Na submodalidade 3 (Ámbito científico-tecnolóxico e matemático) foi para Rubén Molinero Malvido (do colexio Balaídos de Vigo), cun proxecto que abrangue o emprego das TIC na etapa de Educación Infantil, implementando a metodoloxía STEM de maneira adaptada para tratar diferentes ámbitos educativos (dende as matemáticas ata as artes). Traballou deste xeito en diferentes actividades, colaborando coas familias e o equipo docente. Algúns deses proxectos versan sobre os inventos (empregando a realidade aumentada), a reciclaxe (usando a técnica stop motion) ou a narrativa dixital (a través da robótica).

Ensino Secundario

Na categoría de Ensino Secundario, Bacharelato e FP, o premio da submodalidade 1 (Deseño curricular e organización escolar) foi para María del Carmen Boado Aguinaga (instituto de Valadares, en Vigo), no apartado de deseño curricular e organización escolar. Esta profesora exerceu de coordinadora e promotora dun cambio profundo no centro, impulsando unha aprendizaxe innovadora na que o alumnado é o protagonista a través de
metodoloxías activas e colaborativas, prestando especial atención a diversidade.

Sergio Clavero Ibáñez de Garayo (profesor da especialidade de Debuxo no instituto de Cacheiras, en Teo) alzouse co premio na submodalidade 2 (Ámbito lingüístico e social), cunha proposta na que emprega a arte coma un motor de desenvolvemento do pensamento crítico. Destaca a súa pedagoxía conectando as artes plásticas (concretamente, o cine) coa realidade contemporánea. A través do seus proxectos, o alumnado reflexiona e coñece unha linguaxe visual que condiciona a súa vida dende a
infancia.

Esther Padín Vidal (da especialidade de Matemáticas do instituto A Xunqueira II, en Pontevedra) recibe o premio da submodalide 3 (Ámbito científico-matemático), centrado en achegar as matemáticas e as TICs á realidade a través de proxectos STEM, da cultura maker e dos clubs de ciencias, desenvolvéndoos de maneira interdisciplinar e colaborativa.

O premio na submodalidade 4 (Escolas saudables e abertas á contorna) foi para Mario Outeiro Iglesias, da especialidade de Física e química do instituto Pedregal de Irimia, en Meira. A súa proposta está centrada en que o alumnado coñeza en profundidade a súa contorna, para así valorar o seu potencial económico. A través da materia de libre configuración Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, traballa de maneira interdisciplinar as distintas materias e competencias, achegando os coñecementos de xeracións anteriores aos máis novos.