8M en familia, con sesión vermú e zona infantil

carballo celebra o 8m en familia


“As mulleres teñen a palabra”, unha iniciativa para celebrar o 8M en familia, con mesa redonda, sesión vermú e zona infantil.

En Carballo, as mulleres teñen a palabra o 5 de marzo. As concellarías de Innovación e Igualdade sumaron esforzos para celebrar o 8M en familia "para que os actos conmemorativos do Día da Muller comezaran cunha celebración na que terán cabida todos os membros da familia", apuntan.

Así mentres os adultos participan na mesa redonda preparada ou na sesión vermú, a rapazada estará atendida polos monitores da área infantil na que tamén celebrarán este día con xogos, talleres, música e outras diversións.

Según fontes municicpais, o obxectivo desta xornada, que se celebra no camiño entre o Día da Nena e a Muller na Ciencia e o Día Internacional da Muller, "é amosarnos que na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións, e que, malia as dificultades, é posible traballar e trunfar en sectores masculinizados e, ademais, conciliar as vidas laboral e persoal".

A testemuña de catro carballesas

Ademais, apuntan desde esas fontes municipais "coñeceremos as experiencias e as opinións de catro carballesas con perfís moi diferentes pero que teñen en común, á parte das súas raíces, que todas teñen responsabilidades en postos de ocupados maioritariamente por homes":

Verónica Bolón Canedo é enxeñeira en Informática, diplomada en Estudos Avanzados e Doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información. A súa investigación céntrase nos métodos de aprendizaxe automática dentro do campo da Intelixencia Artificial (IA). Tamén é académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Químicas, coordinadora do proxecto Inspira STEAM para fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as nenas.

Xefa dos bombeiros

María Jesús Vilariño Díaz, Catú, como a coñecen en Carballo. Actualmente é a xefa do parque comarcal de bombeiros: foi a única muller entre máis de cen alumnos dun curso de mecánica no Centro Municipal de Formación de Carballo, condutora de ambulancia e de transporte de mercadorías perigosas, unha das primeiras bombeiras de Galicia e a primeira cabo dun parque de bombeiros.

Patricia Iglesias Rey defínese coma nai, feminista, xurista, con gran vocación de servizo público e amiga dos amigos. Exerce como letrada da Xunta de Galicia desde xaneiro 2005 en distintos postos de responsabilidade. En maio de 2019 foi nomeada Letrada Maior da asesoría xurídica do Consello de Contas de Galicia e en novembro do 2021, corresponsable de integridade e compliance do Órgano de Control Externo galego. É asesora xurídica da Comisión Técnica de Prevención da Corrupción do Consello de Contas, e coordinadora galega da Asociación de Mulleres no Sector Público, entre outras moitas facetas.

Herfraga

Mercedes Fraga Rey é a voz da empresa decana de Carballo, Herfraga, fundada en 1930 polo seu avó. A terceira xeración da familia é maioritariamente feminina, e polo tanto tamén a terceira xeración da empresa, xa que Herfraga segue sendo unha empresa familiar. Hoxe en día é un referente a nivel internacional na fabricación e reparación de maquinaria industrial. No último ano, Mercedes e a súa familia tiveron que asumir dous importantes retos: o traslado da fábrica dende o centro urbano ao polígono industrial de Bértoa, onde poderá seguir medrando, e a crise mundial de subministros.

También por suposto, de presentar e moderar a mesa redonda encargarase outra muller, a regueifeira Lupe Blanco, que tamén foi pioneira.

Aclarar que a xornada comezará ás 12.00 e celebrarase na Escola de Hostalaría do Fórum de Carballo. Debido a que a capacidade é limitada, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse enviando os seus datos ao correo electrónico [email protected].

Sesión vermú e ludoteca

Despois da mesa redonda celebrarase unha sesión vermú, na que se servirá un aperitivo e que contará coa actuación do dúo Black Acoustic, que no seu espectáculo Voces de muller fai un percorrido polos grandes temas da música soul intepretados por mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Beyoncé.

Ademais, para facilitar a asistencia de toda a familia, dende as 12.00 ata as 15.00 horas funcionará un servizo de ludoteca onde a rapazada estará atendida por monitores e poderá participar en xogos cooperativos, deportivos e musicais, e talleres. Para os máis peques haberá un recuncho baby que inclúe zona de lectura, xogos populares e pinta e colorea.

Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.

Inscricións en [email protected]

Más en El Portal de la Infancia