Alumnos de primaria participarán nun programa de compostaxe nas súas escolas

Culleredo. A Coruña
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentará un proxecto pioneiro de compostaxe escolar no CEIP Ría do Burgo
16/10/2019
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
photo_camera Culleredo. A Coruña A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentará un proxecto pioneiro de compostaxe escolar no CEIP Ría do Burgo 16/10/2019 Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

Máis de 10.000 alumnos de Educación Infantil e Primaria participarán este outono nun programa pioneiro de compostaxe escolar impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, grazas ao cal aprenderán a separar os residuos orgánicos que se xeren nos seus respectivos comedores e a reutilizalos despois en forma de abono nos hortos existentes nas súas instalacións.

Durante unha visita ao CEIP Ría do Burgo de Culleredo, un dos 30 centros públicos seleccionados para formar parte do proxecto, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, subliñou a boa acollida que tivo esta primeira convocatoria do programa entre a comunidade educativa galega. Así, explicou que 61 colexios de toda Galicia se inscribiron este verán para formar parte do mesmo, motivo polo que o seu departamento decidiu ampliar de 20 a 30 o número de participantes previsto inicialmente.

“Este

proxecto combina á perfección dous obxectivos fundamentais para a Xunta en

materia de medio ambiente: a sensibilización e a educación”, indicou a

conselleira, quen recalcou que a escola “é o mellor escenario para apostar pola

educación ambiental”.

Durante os

dous meses que durará o proxecto, os rapaces aprenderán a compostar,

controlando e participando en todos os pasos do proceso, desde o depósito e

recollida dos residuos orgánicos, ata o seu tratamento e transformación final

en compost. Por iso, como requisitos imprescindibles para participar, os

centros seleccionados tiveron que acreditar que tiñan servizo de comedor, horta

ou invernadoiro e que contaban cun equipo integrado por mestres e persoal do

comedor, disposto a asumir a coordinación dos traballos.

En todos os

colexios, a Consellería encargarase de subministrar os medios materiais

necesarios para poder levar a cabo a iniciativa, así como de impartir formación

e coñecementos aos coordinadores do proxecto en cada caso, tanto profesorado

como persoal do comedor, e obradoiros sobre compostaxe e reciclaxe dirixidos ao

alumnado. O custo estimado do programa nesta primeira edición ascenderá a uns

35.000 euros.

O CEIP Ría do Burgo foi o primeiro dos centros participantes en recibir o seu composteiro e os cubos que facilitarán a recollida da fracción orgánica nas súas instalacións. Neste sentido, a conselleira avanzou que nas próximas semanas completarase a entrega do material a todos os colexios e que en novembro o programa estará xa plenamente operativo.

Finalmente,

persoal técnico da Consellería visitará cada centro escolar no mes de decembro,

coincidindo coa finalización do proxecto de compostaxe, para facer un pequeno

seguimento e control de como se desenvolveu. En todo caso, Ángeles Vázquez

aclarou que a intención é que todos os colexios poidan darlle continuidade pola

súa conta e sigan o próximo ano a empregar o material subministrado para facer

o seu propio compost, para o que contarán igualmente co asesoramento e apoio da

Xunta.

Más en El Portal de la Infancia