"Cinema en curso" pecha coa estrea de filmes realizados por estudantes

Foto: https://cgai.xunta.gal/es/didactica/cinema-en-curso
photo_camera Foto: https://cgai.xunta.gal/es/didactica/cinema-en-curso

O CGAI pecha "Cinema en curso" coa estrea de catro filmes realizados por estudantes de primaria, secundaria e FP. Os preto de 70 alumnos dos catro centros educativos de Cangas, Cercedo-Cotobade, O Rosal e Fene que participaron na edición 2018-2019 ven de estrear no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) - Filmoteca de Galicia os filmes que realizaron co acompañamento dos cineastas Ángel Santos, Marcos Flórez, Jaione Camborda e Xacio Baño, respectivamente.

A cinemateca da Consellería de Cultura e Turismo encárgase da xestión en Galicia desta iniciativa pedagóxica internacional, incluída á súa vez no Plan Proxecta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Cinema en Curso enmárcase tamén na liña de actividades arredor das artes visuais que a filmoteca galega desenvolve especificamente para a infancia e a xuventude, como CinED, Fotografía en Curso ou CGAI Júnior.

Desde a concepción da película, a escrita do guión, a súa preparación e rodaxe ata a montaxe, cada grupo levou a cabo a súa propia produción cinematográfica, rotando as funcións artísticas e técnicas entre os seus integrantes, co acompañamento dos seu profesores e dos directores Ángel Santos, Marcos Flórez, Jaione Camborda e Xacio Baño.

As fitas parten da investigación sobre a contorna máis próxima e a súa posta en valor para, a través do cine, aprender a mirar e a apreciar a realidade doutro xeito.

Ángel Santos asesorou o grupo de 6º de Primaria do CEIP A Rúa de Cangas na realización de Silencios, película de ficción sobre un rapaz de 11 anos nun ambiente familiar marcado polas discusións dos seus pais. Arredor do día.

Retratos na Terra de Montes é o título da película documental que rodou o alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Tenorio, en Cercedo-Cotobade, xunto a Marcos Flórez. Neste caso, o filme achégalle ao público os oficios e o día a día dos habitantes dest comarca pontevedresa.

Tamén acudiron ao CGAI os alumnos de 3º de ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, do Rosal, para presentar O borboriñar das insuas, para o que contaron co apoio de Jaione Camborda. Trátase dun filme rodado nas illas fluviais das Varandas, no Baixo Miño, onde sobrevive un tipo de fauna e flora dun gran valor ecolóxico.

A diversidade de oficios na ría de Ferrol centrou o traballo do alumnado de FP Básica do IES de Fene, que plasmaou no documental Os pés na auga. As mans na terra co asesoramento de Xacio Baño.

Más en El Portal de la Infancia