Certame Escolar "Idea o teu comercio!"

Entrega de premios no certame da Xunta "Idea o teu comercio!"-El Portal de la Infancia
photo_camera Entrega de premios no certame da Xunta "Idea o teu comercio!"-El Portal de la Infancia

Certame celebrado en Santiago de Compostela coa iniciativa da Xunta de Galicia.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, participaron en Santiago de Compostela na entrega de premios do certame I- Comercio. Idea o teu comercio. Nesta iniciativa da Xunta de Galicia coa que se busca visibilizar entre as novas xeracións a importancia do comercio de proximidade e os seus retos participaron máis de 700 alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO de 50 centros educativos das catro provincias.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro destacou o valor pedagóxico deste certame e a súa contribución ao fomento da creatividade e a iniciativa emprendedora nos máis novos. Apuntou que tamén axuda a ver cara a onde se dirixen as novas tendencias do sector do comercio, e lembrou a necesidade de que o sector innove, se modernice e que xurdan novos proxectos de negocio vinculados coa sustentabilidade e as novas canles de comercio a través de internet.

Pola súa parte, o conselleiro de Educación subliñou que este tipo de programas educativos preparan ao alumnado para os retos do século XXI. “Desde a Xunta apoiamos esta e outras accións para favorecer competencias como a innovación, a creatividade ou a
dixitalización, como os polos creativos ou o StemBach”, explicou, accións que contribúen “a que a nosa Comunidade sexa un referente de innovación educativa dentro e fóra de España”.

Premios por modalidades

Os premios Idea o teu comercio! están conformados en tres modalidades con tres equipos gañadores en cada unha delas, que reciben un diploma acreditativo para cada estudante participante e unha pantalla interactiva para o centro educativo.

Na primeira categoría, na que había que idear novos proxectos relacionados coa alimentación e artigos de primeira necesidade, resultaron premiados o IES San Paio de Tui, co proxecto Verdemiño, unha app que axuda a ter unha horta propia, así como a vender os excedentes cultivados, ademais dun espazo onde cultivar por encargo sementes propias; o IES Primeiro de Marzo de Baiona, co proxecto Agrobai, un espazo onde os agricultores da contorna poden levar os seus produtos e o consumidor pode adquirilos; e o
IES Carral, co proxecto Pandireta, empresa que pretende achegar o pan de Carral a todos os puntos de España.

No que respecta á categoría dedicada a proxectos relacionados co mundo da arte, a cultura, o entretemento, a tecnoloxía e a innovación, resultaron premiados o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, cun centro comercial formado por tendas e produtos 100% galegos; o IES Tomás Terrón Mendaña, de Carballeda de Valdeorras, coa App Autorrego, novidoso regador automático que se controla a través dunha aplicación; e o IES Auga da Laxe de Gondomar, que ideou unha tenda de deportes na que nun só espazo se pode mercar patíns e deslizarse pola pista.

Por outra banda, na categoría de téxtil, complementos, fogar, bricolaxe e xardín, o xurado recoñeceu o traballo do IES As Insuas (Muros), coa iniciativa Rustics Heat, de accesorios artesanais fabricados con materiais reciclados das costas galegas; o IES Virxe da Cela de Monfero, co proxecto Flowers Coruxou, de prendas sostibles con estampados de figuras icónicas como os toxos, os grelos ou as ortigas, e o IES Coruxo de Vigo, con Golden Fashion, unha tenda na que deseñar, personalizar, remozar ou reciclar a roupa.