I Premio de Literatura Infantil "Simbad para o Recordo e o Alzhéimer"

Presentouse o I Premio de Literatura Infantil "Simbad para o Recordo e o Alzhéimer"-El Portal de la Infancia
photo_camera Cartel do I Premio de Literatura Infantil "Simbad para o Recordo e o Alzhéimer"-El Portal de la Infancia

O secretario xeral de Política Lingüística presenta o galardón que busca concienciar sobre as enfermidades que implican deterioración cognitiva e perda da memoria.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na rolda de prensa para presentar o I Premio de Literatura Infantil "Simbad para o Recordo e o Alzhéimer", convocado pola asociación Agadea Alzhéimer co apoio da Xunta entre outras institucións.

De carácter anual, o premio, parte da inspiración dunha obra pioneira no mundo do alzhéimer en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e pretende sensibilizar a cidadanía sobre esta enfermidade e outras doenzas varias que implican a deterioración cognitiva e a perda de memoria e da identidade, ao tempo que invita a reflexionar sobre a invisibilización e os estigmas que rodean este colectivo a través da palabra literaria en lingua galega.

Así mesmo, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade saudou esta nova iniciativa que promove a literatura en galego dirixida ás persoas máis novas e indicou que este premio, “alén de alentar o traballo dos creadores na lingua galega, busca en última instancia establecer pontes de entendemento e de solidariedade entre as xeracións máis vellas, que son as que sofren dunha maneira máis acusada as doenzas coma o alzhéimer, e os nenos e nenas, futuro e presente da nosa sociedade e da nosa lingua, a quen os textos deste certame estarán dirixidos”.

Publicación da obra

Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén participaron nesta presentación, que acolleu a Biblioteca Púbica de Santiago Ánxel Casal, Isabel Gey Pérez, presidenta de Agadea, e Francisco Castro Veloso, escritor e presidente ad honorem do premio.

O Premio de Literatura Infantil "Simbad para o Recordo e o Alzhéimer" busca sensibilizar sobre a enfermidade do alzhéimer e as doenzas similares, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego. As persoas interesadas deben ser maiores de 18 anos e poderán enviar os seus orixinais inéditos desde hoxe ata o 15 de agosto. A temática das obras -que poderán ser novela, poesía, álbum ilustrado ou novela gráfica- terá que estar relacionada co alzhéimer, coa memoria e os recordos, coa sensibilización das demencias, coas persoas maiores, coas actividades interxeracionais, coas persoas coidadadoras ou demais temáticas darredor destas doenzas.

O gañador, que recibirá 3000 euros, así como a posibilidade de ver publicada a súa obra, será anunciado o 21 de setembro co gallo do Día Mundial do Alzhéimer. As bases completas da convocatoria e o proceso de participación poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.