Programas internacionais de intercambio

programa intercambio internacionais
photo_camera Acto en ferrol sobre os programas de intercambio internacionais.

Docentes de 300 centros educativos participan nos programas de intercambio internacionais para mellorar as súas competencias e a innovación pedagóxica.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta a importancia dos programas internacionais de intercambio docente no marco do Eramus+ como unha “ferramenta fundamental” para a mellora da formación do profesorado e a súa repercusión “na calidade do noso sistema educativo. “Isto -afirmou- ten un dobre beneficio para Galicia: por unha banda familiarizarse con novos modelos pedagóxicos e, por outro, exhibir a excelencia e a singularidade que posúe o noso sistema educativo”.

Así o asegurou no Encontro Internacional Erasmus+ que entre hoxe e mañá congrega en Ferrol uns 300 docentes de nove países distintos para debater e explorar distintas vías formativas en ámbitos como a inclusión, a internacionalización, as novas tecnoloxías ou o purilingüismo a través de charlas, mesas redondas e obradoiros.

O titular de Educación do Goberno galego subliñou que a promoción e o reforzo da dimensión internacional “é unha das liñas formativas prioritarias” da Xunta, que leva anos traballando nunha maior presenza nestes programas Erasmus. “Esta -apuntou o
conselleiro- supuxo unha das maiores fiestras de oportunidade para coñecer novos modelos educativos e, ao mesmo tempo, poñer en valor a nosa visión desde Galicia”.

Centros educativos

Preto de 300 centros educativos participaron o pasado curso en distintas actividades de mobilidade no marco do Erasmus+ con proxectos no entorno escolar, no ámbito da educación para persoas adultas e no da Formación Profesional. En concreto na FP,
Galicia destaca entre as tres comunidades autónomas con proxectos propios. Canto ás temáticas, as áreas máis demandadas á hora de desenvolver iniciativas no estranxeiro son as de inclusión e diversidade, a transformación dixital, o medio ambiente e a sustentabilidade.

Finalmente o conselleiro loou o papel tractor que desempeña o Centro de Formación do Profesorado de Ferrol no Erasmus+, que se traduce na participación activa de máis do 90% dos centros educativos de Ferrolterra nalgunha das distintas iniciativas desenvolvidas ao abeiro do mesmo.