Concursos pola doazón e os transplantes

A Xunta presentou novos concursos para fomentar a doazón e os transplantes-El Portal de la Infancia
photo_camera Novos concursos para fomentar a doazón e os transplantes-El Portal de la Infancia

No transcurso do acto presentáronse varios concursos para fomentar a doazón de órganos e medula ósea dirixidos ao alumnado galego de diferentes niveis educativos.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou varios proxectos postos en marcha polo seu departamento e dirixidos aos estudantes galegos, coa finalidade de fomentar e concienciar sobre a importancia da doazón e os transplantes de órganos e tecidos. O titular da carteira sanitaria invita a todas e todos os estudantes galegos a que tomen parte nesta iniciativa, co fin de sensibilizar e promover unha actitude positiva solidaria e altruísta co xesto da doazón e a importancia dos transplantes entre a xente nova, coñecendo así, un dos elementos fundamentais do sistema sanitario galego.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que un dos obxectivos primordiais na concienciación da doazón é o deseño de intervencións educativas dirixidas a mellorar a opinión da doazón e os transplantes entre a mocidade. A formación dirixida a escolares permite dotar do coñecemento preciso na materia a rapaces que se atopan nunha idade moi receptiva, para que tomen conciencia desta problemática e incluso poidan influír na súa contorna máis próxima, -remarcou-.

Iniciativas presentadas no acto

O titular da carteira sanitaria agradeceu a solidaridade dos doantes e das súas familias, así como o labor de todos os profesionais que fan posibles os transplantes. No acto, presentáronse tres iniciativas. A primeira, en colaboración con Gadisa Retail S.L.U., é a convocatoria do IV Concurso de carteis para escolares relacionado coa doazón e os transplantes de órganos. Nesta actividade establécense dúas categorías de participación; unha primeira, para alumnos e alumnas de 5º e 6º de educación primaria; e a segunda, para estudantes de 1º, 2º e 3º de educación secundaría obrigatoria (ESO). En cada unha destas categorías concederase un primeiro e un segundo premio, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente, para a adquisición de material escolar para o centro docente. Haberá tamén premios para o alumnado e profesores (Tablets e cámaras fotográficas deportivas).

A segunda das iniciativas dadas a coñecer é o VIII Concurso de curtametraxes que teñan como temática principal a doazón de órganos e os transplantes. Podendo participar todo o alumnado de bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior e de ensino artístico regrado de toda Galicia. Cada curtametraxe poderá ser presentada de maneira individual ou en grupo de ata cinco integrantes. Os traballos deberán ser orixinais e
inéditos, terán unha duración máxima de dous minutos, e estarán en lingua galega, podendo gravarse en calquera dispositivo, incluídos os teléfonos móbiles. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para material escolar para o centro docente e outros 1.000 euros para os participantes, así coma unha tablet para o profesor ou profesora que tutelou o traballo. Sendo o segundo premio de 750 euros e tablet.

A terceira iniciativa é o VII Concurso universitario de curtametraxes sobre a doazón e transplante de medula ósea; no que pode participar o alumnado matriculado durante o curso 2021/22 nas universidades do Sistema Universitario Galego e nos centros asociados da UNED en Galicia. O primeiro premio é de 2.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000.

Lugar de presentación

O acto de presentación tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e por Marta Álvarez Vázquez da Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS.

Más en Salud y Medicina Hoy