Decálogo por un entroido en igualdade

A área de Igualdade da Deputación da Coruña pon en circulación o decálogo "Por un entroido en igualdade" para loitar contra o machismo nas festas. A iniciativa forma parte da campaña que se iniciou no Nadal co fin a contribuír á eliminación da discriminación nas celebracións.

Neste sentido o Decálogo invita a descartar disfraces sexistas, librarse de estereotipos, propoñer a participación igualitaria e eliminar a linguaxe excluínte.

Tamén María Muíño, deputada e da área de Igualdade da Deputación coruñesa destaca que esta iniciativa "ten como obxectivo contribuír a que o machismo desapareza das festas do entroido, que non haxa hipersexualización das mulleres e disfraces excluíntes que marquen a discriminación de xénero e que se desbote o acoso e a violencia das celebracións".

Decálogo por un Entroido en igualdade

  • O Entroido é tempo de festa, propicio ao desenfreo, á diversión e á ledicia, mais NON TODO VALE. Temos a responsabilidade social de construírmos un mundo sen discriminacións

  • Descarta para as túas fillas/os disfraces hipersexualizados. Os dirixidos ás nenas son unha forma de "violencia de xénero simbólica", cousifícaas e erotízaas como únicos valores ligados a elas, ao paso que os disfraces sexistas levados por homes ridiculizan e discriminan as mulleres.

  • Un bo disfrace ten de ser creativo, flexíbel, libre de estereotipos sexistas, seguro e adaptado a cada idade. Ofrece alternativas igualitarias na elección dos disfraces, promovendo non perpetuar a división sexual das profesións, que non ridiculice nin cousifique a imaxe da muller e que sexa respectuoso coa diversidade sexual, étnica etc.

  • Evita comprar disfraces en cuxo envoltorio aparecer a palabra sexy: é sexista e discriminatorio. Se detectares este tipo de publicidade, denúnciao a través do Observatorio da Publicidade Non Sexista da Xunta no enderezo igualdade@xunta.es ou ben telefona ao número gratuíto 900 400 273.

  • Nos centros escolares propón un mesmo disfrace para o alumnado, sen facer distincións por sexo.

Educa en igualdade

  • Educa en igualdade desde a familia e todas e todos gozaremos dun Entroido libre de discriminacións e de violencia contra as mulleres

  • Non partilles ou toleres brincadeiras, imaxes ou comentarios sexistas, pois perpetúan os estereotipos de xénero e unha sociedade machista.

  • No Entroido, como no resto dos días do ano, NON é NON. Drogas e alcohol non son unha xustificación para as agresións. Se as presenciares, non as permitas. Rexéitaas e denúnciaas: podes chamar gratuitamente ao 016 ou ao 112.

  • Emprega unha linguaxe de xénero na túa comunicación oral e escrita, coida a selección musical que fixeres e procura que as imaxes que utilizares non sexan sexistas.

  • Se convocares concursos ou fas parte dunha comparsa ou agrupación, promove a participación igualitaria de mulleres e homes e non apoies a utilización de vestimenta, atrezo ou monicreques sexistas, ofensivos ou discriminatorios.

Más en Salud y Medicina Hoy