Reforzo dos servizos de bus de Fisterra a Camariñas

servizos bus escolar galicia
photo_camera servizos bus escolar galicia

A Xunta reforza os servizos de autobús para atender aos alumnos de ensinanzas non obrigatorias.


A Xunta reforza desde o xoves día 23 de febreiro, os servizos de autobús entre Fisterra e Camariñas. Se trata de facilitar os desprazamentos dos alumnos de Muxía que estudan bacharelato e FP nos institutos IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco, en Cee.

Na liña entre Fisterra e Camariñas habilítanse dous servizos de volta para o regreso ao remate das xornadas lectivas da mañá e da tarde. Os estudantes de Muxía contaban xa cun servizo á primeira hora da mañá.

Así, á saída do mediodía contarán cun autobús que partirá desde Fisterra ás 14,15 horas e terá parada en Cee ás 14,30 horas, continuando cara a Muxía e Camariñas.

Ademais, o luns pola tarde créase unha nova expedición con saída ás 18,15 horas de Fisterra que
pasará por Cee ás 18,30 horas.

Tamén estas melloras no servizo atenden as peticións trasladadas polas familias do alumnado de ensinanzas non obrigatorias que estuda en Cee e polo Concello, ofrecendo servizos de volta en horarios próximos ao remate das clases.

Nestes servizos, como en todo o transporte público da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, mentres que o resto de usuarios poden beneficiarse dos descontos da tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG).

Actualmente, máis de 420 mozos e mozas de Cee e Muxía viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova.
 
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal

Más en El Portal de la Infancia